I Edición. Premios de innovación en saúde 2019

Nesta primeira edición, e de acordo ás dúas modalidades convocadas -profesional e pacientes-, o proxecto premiado na categoría profesional foi o presentado polas doutoras da área sanitaria de Ferrol, Nuria Oliver, Maria Dolores Álvarez e Rosa Arroyo, consistente no desenvolvemento dun instrumento que permita explorar e obter a fotografía do fondo ocular coa axuda dunha lente de condensación de 20 e/ou 28 dioptrías e un smartphone.

Profesionais.PNG

Así mesmo, na categoría de pacientes, o proxecto galardoado foi presentado por Andrés Núñez Gonzalez, quen desde a área sanitaria de Santiago, propuxo a creación dunha unidade multidisciplinar de formación e capacitación nos coidados e atención de nenos con doenzas graves, e na que os pais e nais destes menores, tras seren formados polo persoal da Unidade Pediátrica de Crónicos Paliativos, pasarían a ser posteriormente formadores dos seguintes pais.
 
Pacientes.PNG

Grande acollida con 70 proxectos de innovación e 11 finalistas
 
Un total de 11 proxectos chegaron até a final dun certame ao que se presentaron 70 traballos de innovación sanitaria.
 
Desde as sete áreas sanitarias galegas achegáronse 56 iniciativas desde eido profesional, e outras 14 candidaturas desde a categoría de pacientes, organizacións ou asociacións sen ánimo de lucro que traballan de xeito directo ou indirecto, na procura dun Sistema Público de Saúde máis innovador e eficiente.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.