Os avances científicos e tecnolóxicos poden transformar os sistemas nacionais de saúde e mellorar os resultados para os pacientes. As rexións son as novas incubadoras para facilitar a adopción dunha saúde personalizada sustentable.
Unha das principais actividades do Proxecto europeo Regions4PerMed é recompilar e difundir aquelas prácticas que consigan impulsar a implantación da medicina personalizada a nivel rexional. O Premio ás Mellores Prácticas pretende dar maior visibilidade aos actores europeos (academia, industria e sociedade civil) que máis están a contribuír e que, por tanto, poden servir de modelo para os stakeholders que pretendan avanzar neste campo.
O contido das boas prácticas deberá enmarcarse nunha das seguintes categorías:
- Big data, historia clínica electrónica e gobernanza sanitaria
- Tecnoloxía sanitaria e atención conectada e integrada
- Personalización da industria sanitaria
- Fluxo de innovación na atención sanitaria
- Abordar os aspectos éticos, económicos, xurídicos e sociais da medicina personalizada
As boas prácticas con maior puntuación gañarán o premio na súa correspondente categoría. Ademais, os gañadores e finalistas serán convidados á Conferencia final do proxecto Regions4PerMed que se celebrará en Bruxelas o 21 e 22 de marzo de 2023, onde se lles renderá homenaxe nunha cerimonia de entrega de premios. A maiores, publicarase na páxina web do proxecto e nas respectivas redes sociais do consorcio un resumo das 5 mellores boas prácticas.
Os prazos máis relevantes da convocatoria son os seguintes:
- Publicación da convocatoria: 28 de outubro de 2022
- Prazo de convocatoria: 18 de xaneiro de 2023
- Avaliación por revisores: 31 de xaneiro de 2023
- Comunicación de resultados: 15 de febreiro de 2023
- Cerimonia de entrega de premios ás mellores prácticas: 21 e 22 de marzo de 2023
Só se admitirán as boas prácticas que se envíen a través do formulario dispoñible na web de Regions4PerMed e o único idioma admitido será inglés. Aquí tamén poderán atopar o documento da convocatoria e o formulario de solicitude (Word).