Persoal do Hospital Universitario de Ourense e da ACIS participan na visita ao Centro de Investigação, Diagnóstico, Formação e Acompanhamento das Demências (CIDIFAD) no marco do irmandamento europeo entre Galicia e a rexión portuguesa do Porto

  • O pasado mes de maio celebrouse a primeira sesión de irmandade entre Galicia e Porto no Complexo Hospitalario de Ourense.
 
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022.- No día de onte, levouse a acabo a segunda sesión do proxecto EIP on AHA Twinning Sessions Galicia-Porto. Esta iniciativa, financiada pola Comisión Europea, ten por obxectivo promover o intercambio de boas prácticas no ámbito do envellecemento  activo e saudable entre as rexións europeas.
 
A xornada celebrouse no Centro de Investigação, Diagnóstico, Formação e Acompanhamento das Demências (CIDIFAD) da Santa Casa da Misericórdia de Riba d’Ave (SCMRA). Este centro é un dos proxectos máis innovadores de Europa e xurdiu co  obxectivo de mellorar a investigación e o acompañamento das demencias nas súas diferentes etapas. Na actualidade conta con servizos de consultas externas especializadas, centro de día, servizo de internamento e apoio domiciliario.
 
Os obxectivos desta sesión foron a presentación da SCMRA, a descrición dos diferentes servizos e actividades realizadas no CIDIFAD e a presentación dos proxectos e estudos que se están a desenvolver.
 
En primeiro lugar, comezouse coa exposición e descrición dos obxectivos no Auditorio do CIDIFAD, seguido da presentación  dos proxectos “OLAIA - Mais vida na demência com natureza e arte” e o “Centro de Avaliação e Apoio da Capacidade de Condução para Pessoas com défice cognitivo ou demência”. Logo, continuouse coa visita ás principais instalacións do complexo, na que o equipo galego puido comprobar o funcionamento e as particularidades de cada unha das áreas. Finalmente, abriuse unha sesión de preguntas e de intercambio de impresións entre os asistentes.
 
A sesión contou coa presenza do Director clínico do CIDIFAD, Salazar Coimbra, e persoal sanitario e investigador do centro, así como membros da Universidade de Porto. Pola parte de Galicia, asistiu persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), así como representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).
 
Coa realización destas sesións Galicia e Porto fortalecen a conexión interrexional e acadan un intercambio de coñecementos nunha das áreas de actuación prioritarias para Europa, o envellecemento activo e saudable.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.