O Hospital de Ourense acolle a visita dunha delegación formada polo Consello Social da Universidade de Málaga, o Parque Tecnolóxico e o Hospital de Málaga para coñecer o living lab da rede LABSAÚDE

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022.- No día de onte levouse a cabo unha xornada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) que consistiu na visita ás instalacións do Living Lab de Ourense de representantes do sector asistencial, investigador e industrial malagueño, interesados en coñecer un modelo de éxito de Living Lab.
 
O Living Lab de Ourense conta cunha contorna de hospitalización experimental composta por zonas de planta de hospitalización experimental, salas de terapias, e cuberta terapéutica; ademais, dispón dun espazo de co-creación para acoller e impulsar iniciativas e proxectos innovadores no ámbito sanitario. Neste espazo participa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a universidade, centros de investigación, empresas e organismos de apoio do sector da  biomedicina e a biotecnoloxía, e a sociedade.
 
A visita contou ca presenza do Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, da directora de Procesos de Soporte da área, Mar Vázquez, e representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). Pola outra parte, asistiron representantes do Hospital de Málaga, do Consello Social da Universidade de Málaga e do Málaga Tech Park (iniciativa baseada na cooperación público-privada, con participación no seu accionariado da Junta de Andalucía, Ayuntamiento de Málaga, Unicaja e a Universidade de Málaga).
 
O obxectivo desta actividade foi transferir e trasladar a experiencia do Sergas e do Hospital de Ourense na configuración do Living Lab, o seu modelo de gobernanza, a implicación das empresas, así como os proxectos que se están a desenvolver nas súas instalacións.
 
Este intercambio de coñecementos rematou hoxe ca visita da delegación malagueña ás instalacións da ACIS para compartir os proxectos e actividades desenvolvidas pola axencia no ámbito da innovación sanitaria.
Contidos relacionados

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.