FAQs

Quen pode participar?

•as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais;
•organismos de investigación como centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica ou universidades públicas.

 
Proxectos elegibles

•Iniciativas de carácter innovador xa sexa en produto/servizo, en procesos e/ou no modelo de negocio tanto no sector sanitario e biomédico como naqueles que sexan transversais ao sector saúde: alimentación, TIC, novos materiais e construción, electrónica e robótica.
•Deberán ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade; estes resultados deberán ter potencial comercial e xerar retornos, independentemente do prazo no que estes se produzan.
•Deberán estar situados nun TRL7 ou superior (nivel de madurez da tecnoloxía).

 
Pódese presentar a solicitude presencialmente?

Non, o artigo 8 das bases reguladoras especifica que "As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal"

O código do procedemento asociado é: SA304B "Participación no living lab de saúde de Ourense da rede de living labs de saúde de Galicia (LABSAÚDE)".
 
Unha mesma entidade pode presentar varias propostas?

Si, non hai límite de proxectos. Con todo, o artigo 16 das bases reguladoras especifica: "Propoñerase a selección dos 15 proxectos con maior puntuación por orde decrecente, quedando, no seu caso, como suplentes aquelas solicitudes que alcanzaron unha puntuación igual ou superior á puntuación mínima indicada pero que non lograron quedar entre as 15 primeiras".

 
No caso de investigadores vinculados coa Universidade que queiran presentar un proxecto, quen realiza e asina a solicitude electrónica?

A solicitude na Sede electrónica realizaraa o investigador a título individual. Con todo, en caso de ser seleccionado, a firma do Acordo de colaboración, este será asinado polo representante legal da Universidade (equipo directivo, rectoría/vicerrectoría).

 
E nese caso, os solicitantes deberán achegar a autorización da Universidade?

Na primeira fase de envío de solicitudes non é necesario. Con todo, en caso de ser o proxecto seleccionado, a Universidade será quen asine o Acordo de colaboración.

 
Que documentación debe achegarse coa solicitude? Existe algún modelo específico para presentar o "Plan de empresa"?

As entidades interesadas deberán achegar xunto co anexo I a seguinte documentación:

Plan de empresa: O Plan de empresa non ten ningún modelo predefinido. Trátase dun documento de formato libre sen mínimo nin límite de extensión onde se recollerán aspectos de viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto que NON da empresa/entidade.
Modelo de negocio segundo o anexo II: Éste permitirá ver o modelo de negocio de forma simplificada.
 
As universidades e organismos de investigación como centros de tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica deben achegar igualmente o "Modelo de negocio" e o "Plan de empresa" que se solicita no artigo 9?

Si, ambos os documentos deben presentarse como anexo á solicitude. O Plan de empresa debe entenderse como a viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto.

 
Necesito ter certificado dixital para presentar a miña solicitude?

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

 
Cando é necesario asinar o Acordo de colaboración que figura no Anexo IV?

O acordo de colaboración asinarase unha vez seleccionado o proxecto, nos dous meses posteriores á publicación da Resolución definitiva.

 
No caso de que unha mesma entidade presente varias propostas é necesario asinar un acordo de colaboración para cada proxecto seleccionado?

Si, o acordo de colaboración é específico para cada proxecto.

 
Pode participar nun proxecto máis de unha entidade? Quen presenta a solicitude?

Un proxecto pode estar conformado por máis de unha entidade. Nestes casos, as entidades que conforman o proxecto deberán designar un representante quen presentará a solicitude e a asinará en nome de todos.

Para estes casos habilítase un modelo de anexo de DECLARACIÓN RESPONSABLE DE DESIGNACIÓN DE REPRESENTANTE, a fin de realizar a solicitude de participación no Living Lab de Ourense.

O acordo de colaboración (Anexo IV) será asinado por tódalas entidades que conformen o proxecto.

 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.