Os socios do proxecto CodigoMais reúnense para celebrar o seu último Comité de Xestión

Á 12ª reunión de socios de CodigoMais, que se celebrou por videoconferencia, asistiron os beneficiarios do proxecto para expoñer os avances e resultados acadados.
 
Santiago, 30 de novembro de 2020.- O proxecto CodigoMais foi aprobado no marco da primeira convocatoria de Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e está liderado pola ACIS.
 
Xunto á ACIS, participan neste proxecto outras catro organizacións galegas e catro portuguesas. Por parte de Galicia, as Universidades de Santiago e de Vigo (USC e UVigo), o Clúster de Saúde de Galicia (CGS) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA). Do Norte de Portugal, o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), o Health Cluster Portugal–Associação do Pólo de Competitividade da Saúde (HCP), a  Universidade do Porto - Facultade de Medicina (FMUP) e o Centro Clínico Académico Braga (2CA-Braga).
 
O obxectivo xeral de CodigoMais é a constitución e dinamización dun Ecosistema Transfronteirizo (Galicia-Norte de Portugal) Innovador no sector da saúde que permita integrar os principais actores públicos e privados, fomentar as capacidades e oportunidades de valorización do coñecemento e estimular o funcionamento dun polo de competitividade de excelencia relacionado con este sector. Trátase de impulsar a cooperación segundo o modelo cuádruplo hélice (administración, centros de I+D+i e Universidades, empresas e usuarios finais) e a valorización orientada ao mercado dos resultados da investigación.
 
Para a análise das necesidades e características deste ecosistema contouse cos principais  skateholders de ambas as dúas beiras da fronteira. Ademais da elaboración dun plan estratéxico do ecosistema onde se recollen as prioridades e o plan de acción, desenvolveuse unha plataforma web  HIPOD como o espazo virtual de encontro dos membros do mesmo e do marketplace asociado.
 
Entre os resultados acadados no proxecto atópanse a integración dos socios nun Ecosistema Transfronteirizo de Innovación estable, aberto a todos os actores craves públicos e privados do sector da saúde, un itinerario común de valorización de proxectos de investigación orientados ao mercado no sector  biosanitario e a súa aplicación a proxectos áncora con potencial para converterse en  spin-offs de base tecnolóxica, a introdución na área de Cooperación de modelos de innovación aberta dos servizos socio-sanitarios, baseados en innovación aberta e técnicas de  co-deseño e co-creación ou a posta en marcha dun polo de competitividade transfronteiriza no sector da saúde cunha forte orientación internacional.
 
O pasado día 30 de xullo de 2020 tivo lugar o Evento Final do proxecto, celebrado de xeito virtual debido á actual crise da COVID-19. A conferencia versou sobre o uso da Intelixencia Artificial e Medicina Dixital no Coidado da Saúde e contou cunha sesión de «Pitch» con 6 proxectos empresariais disruptivos no ámbito sanitario de Galicia e Norte de Portugal que foron avaliados e premiados por un xurado especializado na materia.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.