Amplíase o prazo de inscrición para presentar proxectos innovadores en saúde no Living Lab de Ourense

A iniciativa está dirixida a empresas, empresarios a título individual e organismos de investigación.
A Rede de Living Labs de Saúde de Galicia LABSAÚDE, da que forma parte o Living Lab de Ourense, busca iniciativas novidosas para testar e introducir no sistema público de saúde.
 
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2020.- No DOG nº 171 do 25 de agosto públicase a resolución pola que se amplía o prazo de presentación de proxectos que participarán no Living Lab de Ourense da Rede LABSAÚDE, recentemente creada polo Servizo Galego de Saúde, para o ano 2020. O prazo amplíase ata o 2 de novembro de 2020.
 
A decisión de ampliar o prazo ven motivada porque seguen vixentes, por mor da pandemia e da coincidencia co periodo estival, circunstancias excepcionais que producen a diminución da actividade ordinaria das entidades e empresas do sector da saúde, unidas ao esforzo necesario para a reorganización e readaptación do traballo, que en moitos casos esta focalizado na loita contra o virus.
 
Deste xeito búscase unha maior posibilidade de participación no Living Lab, aberta a iniciativas de carácter innovador, xa sexa produto ou servizo, en procesos e/ou no modelo de negocio tanto no sector sanitario ou biomédico como noutros sectores transversais, como alimentación, TIC, novos materiais, construción, electrónica e robótica. Os proxectos que se presenten deben ter capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade, con potencial comercial e de xerar retornos, aínda que sexa a longo prazo.
 
Living Lab de Ourense
Os proxectos seleccionados poderán participar no Living Lab de Ourense, da Rede LABSAÚDE. Neste espazo os responsables dos proxectos disporán dunha contorna real na que testar as súas iniciativas e prototipos e disporán do apoio de todos os axentes que forman parte deste living lab.
 
O Living Lab de Ourense dispón dunha contorna de hospitalización experimental situada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, con escenarios clínicos de gran desenvolvemento tecnolóxico no que testar as iniciativas seleccionadas. Así, os equipos dos proxectos seleccionados poderán poñer en práctica as súas ideas nas zonas de planta de hospitalización experimental, salas de terapia e outros espazos de uso terapéutico, como un horto e un parque biosaludable. O hospital conta ademais cunha zona para traballar a través da interactuación e do intercambio de coñecemento.
 
LABSAÚDE
A Rede de Living Labs de Saúde de Galicia, nace como unha organización intermedia que busca conectar os proxectos e produtos cos usuarios finais. Estes "laboratorios" involucran a tódolos axentes do eido sanitario, promoven a experimentación e favorecen o desenvolvemento de solucións innovadoras en función da demanda social. Son espazos reais nos que desenvolver e probar as iniciativas innovadoras que parten das empresas e entidades de investigación.
 
 
Información aos interesados:
Na páxina web: https://labsaude.sergas.gal/
No correo electrónico: labsaude@sergas.es
No teléfono 981 555 103 da Axencia de Coñecemento en Saúde (extensión Unidade de Innovación).

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.