Compra pública innovadora

O vangardista modelo de compra pública innovadora promovido polo Sergas foi pioneiro no seu momento en España e é na actualidade un referente a nivel europeo.

A aposta por esta fórmula baséase nos importantes beneficios tanto para o Sistema Galego de Saúde como para o tecido empresarial:
  • Mellora dos servizos públicos sanitarios a través da incorporación de bens ou servizos innovadores.
  • Fomento da innovación empresarial, principalmente das pequenas e medianas empresas.
  • Pulo á internacionalización e comercialización da innovación, empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.

As iniciativas InnovaSaúde e Hospital 2050 (H2050) son casos de éxito recoñecidos de pulo á innovación dende a administración co obxectivo combinado de dinamizar o mercado e de mellorar a prestación de servizos públicos, tanto na modalidade de compra pública precomercial como na de compra pública de tecnoloxías innovadoras. Co aval do coñecemento e a experiencia acumulados grazas a estas dúas iniciativas, o Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, continúa o compromiso con ambiciosos proxectos como Código100, INNOVATRIAL e outros, nos que están chamados a participar todos os axentes interesados en formar parte do futuro da sanidade galega.​​
 
PREMIADOS
 
Os primeiros recoñecementos chegaron da man dos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050 co 2º Premio Europeo de Compra Pública Innovadora (Procurement of Innovation Award 2015) da Comisión Europea e o Premio Nacional de Innovación 2013, na modalidade de Compra Pública Innovadora.
 
No 2021, o Servizo Galego de Saúde logra ser gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC) nunha candidatura na que se recolle a aposta da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde pola compra pública innovadora con proxectos como H2050, InnovaSaúde, Código100, INNOVATRIAL, Innova MicroLab ou LABSAÚDE -o primeiro living lab de saúde do Sergas no Hospital Universitario de Ourense-. Ademais a candidatura inclúe o recoñecemento de Galicia como unha das rexións de referencia europea no desenvolvemento, a adopción e escalado de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable.
 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.